biografía
Nace en Sarria (Lugo) en 1962. Pero é Vigo a cidade que marcar á de forma decisiva as horas, as palabras, a vida e a obra de Xela Arias.
En 1969 a súa familia trasladouse a Vigo, onde o pai de Xela, Valentín Arias López, asume a xerencia de Editorial Galaxia. Escritor e tradutor, exercerá unha influencia determinante na súa filla.
Licenciada en Hispánicas pola Universidade de Santiago, Xela Arias escribe contos e ofrece recitais poéticos desde moi nova. En 1980, con tan so 18 anos, implícase na fundación de Edicións Xerais, editorial na que desenvolve funcións de correctora de estilo e tradutora.
Deste xeito, vai configurando un perfil polifacético de escritora, tradutora, editora e docente; unha simultaneidade de facetas que explica a súa exigua obra poética, que se concreta en catro obras publicadas, de gran beleza e calidade: Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003).
Inconformista e de sólida conciencia idiomática, Xela elixiu percorrer a creación literaria desprovista de convencións e de límites. Libre.
Morreu en 2003, a destempo, inesperadamente, cando non tocaba. Sen chegar a tempo de presentar o que sería o seu último poemario, Intempériome.